Sunday 05 de May de 2024

Vimianzo posibilita a conciliación familiar grazas ao Vimiverán


O Concello organiza esta actividade na que poden participar os nenos e nenas de 4 a 12 anos.
O Concello de Vimianzo posibilita a conciliación familiar a través do Vimiverán. A actividade, dirixida aos nenos e nenas do municipio, celebrarase ao longo dos meses da tempada estival. Para garantir a seguridade dos cativos ante a crise sanitaria a iniciativa divídese en catro quendas, das que xa se está a levar a cabo a primeira.
Co obxectivo de responder á demanda dunha necesaria conciliación familiar, que se complicou a raíz da situación xerada pola pandemia, o equipo de goberno está realizar a actividade Vimiverán, dirixida á rapazada do municipio. A través dela ofrece de luns a venres mañás de actividades didácticas para os nenos e nenas de 4 a 12 anos. A actividade conta cunha elevada demanda, cubríndose o 80% das
prazas ofertadas.
“Moitas familias transmitíronnos a súa preocupación pola conciliación ante a crise sanitaria, na que moitas actividades infantís quedaron canceladas”, explica a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez. “Por este motivo, desde o Concello nos puxemos mans á obra, para dar unha resposta rápida e con garantías a esta petición tan demandada polas familias do noso municipio. Co Vimiverán ofrecemos unha posibilidade para conciliar, na que os nenos aprenden xogando, e que conta coas medidas necesarias para garantir a seguridade dos nenos ante a pandemia”, concluíu.
A actividade, que oferta un total de 100 prazas, dividirase en quendas co obxectivo de adaptarse aos tempos actuais nos que garantir a saúde dos pequenos e pequenas é chave. Actualmente estase a levar a cabo a primeira quenda (do 1 ao 17 de xullo), e as próximas desenvolveranse do 20 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 28 de agosto. A iniciativa lévase a cabo de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. Por primeira vez, o Vimiverán realízase en diferentes parroquias do municipio, atendendo ás peticións. Esta primeira rolda está a facerse en Vimianzo e Baíñas.

O Concello priorizou nas inscricións aos nenos e nenas cuxa totalidade de membros da unidade familiar traballaran. As accións que se leven a cabo nestas mañás contarán coas medidas de seguridade e prevención necesarias para evitar o risco de contaxio de COVID-19. Estanse a empregar as máscaras, realízase unha recollida e recepción escalonada en distintas localizacións para evitar aglomeracións e empréganse xeles hidroalcohólicos e xabóns para a desinfección de mans de forma regular.